miércoles, 15 de junio de 2011

ANIVERSARIO

Hoxe espertei cedo porque o teu nome fíxome cóxegas no corazón.
Hoxe é un bo día para facer inventario, catalogar sorrisos, buscar a calor das túas caricias, imprimir a dozura que regalas, pór as cartas boca arriba, asinar unha adhesión incondicional contigo, amarte sen data de caducidade.
Hoxe quero ser perito nas lúas do teu corpo, arquitecto de aloumiños, alquimista de soños, pirata a busca do teu tesouro.
Hoxe fai un ano de todo e aquí estou eu sen saber moi ben que facer con estes ollos que non se cansan de mirarte, con estas mans que se entristecen cando non estás, con estas verbas que agora escribo e que quizais non saiban expresar o moito que te quero.

jueves, 2 de junio de 2011

MAÑÁ NON SERÁ OUTRO DÍA

Devecía polos solpores e algunhas noites sentábase a contar estrelas. Errático, fugaz, incomprendido, espantaba as sombras que o querían afogar nun vaso de auga. Gustaba dos espellos, os reloxos de area, os labirintos, as mitoloxías nórdicas.
Bebía para non esquecer, berraba para non sentirse tan só.
Experimentou o sabor do desterro e o fracaso. Experto no arte da negociación xamais conseguiu chegar a un acordo. Bo coñecedor dos camiños desconfiaba dos atallos. Era inofensivamente perigoso.
Escribiron sobre el e nunca o soubo: un día antes quedárase sen coartadas para malvivir.